Sunday 28 de April de 2024

O ciclo Colón Noir volve este xoves co novelista bgalego Diego Ameixeiras como estrela convidada


O Teatro Colón acolle a segunda das proxeccións previstas neste novo ciclo de cinema en 35 mm, cun clásico da intriga estadounidense, ‘The Postman Always Rings Twice’, protagonizada por Jack Nicholson e Jessica Lange

O Colón Noir, un novo ciclo de cinema de crime e suspense posto en marcha a finais de marzo no Teatro Colón, chega ao ecuador da súa primeira edición. Será este xoves 21 (20.00 horas), coa proxección dunha longametraxe estadounidense que é todo un referente do xénero de intriga, ‘The Postman Always Rings Twice’ (1981), coñecida comunmente como ‘O carteiro sempre chama dúas veces’.

Dirixida por Bob Rafelson e protagonizada por Jack Nicholson e Jessica Lange, a película é un interesante remake dun clásico de Tay Garret, baseado nunha novela de James M. Cain contextualizada nos anos da Gran Depresión nos Estados Unidos, unha etapa de pobreza e problemas sociais. Nicholson interpreta a un autoestradista que chega a un restaurante situado nunha estrada secundaria. Alí, recibe unha oferta de traballo do propietario do local, que el rexeita inicialmente, ata que decide fica ao coñecer a muller do dono, interpretada por Jessica Lange.

Ao igual que na primeira sesión da programación, con ‘Fargo’, a cinta será proxectada en 35 mm e en versión orixinal subtitulada, seguindo a filosofía clásica que inspirou a posta en marcha do Colón Noir.

A proxección de ‘The Postman Always Rings Twice’, unha longametraxe de alto contido erótico, irá acompañada por un coloquio posterior co novelista ourensán Diego Ameixeiras (Lausana, Suíza; 1986), recente gañador do Premio Nacional da Crítica pola súa obra ‘O cervo e a sombra’. “É un fóra de serie da novela criminal. Non só en Galicia, senón a nivel nacional. Dáse a circunstancia de que Diego tamén é guionista, e o coloquio será saboroso, cheo de contido. O público asistente pasarao ben, e é unha oportunidade de ouro para conversar cunha das figuras máis interesantes da escena narrativa actual”, valora Javier Trigales, coordinador da programación do ciclo Colón Noir.

As entradas para asistir á sesión deste xoves 21 no Teatro Colón xa están á venda na páxina web de Ataquilla.com, cun prezo de 3 euros para o público xeral.

‘Plein soleil’ e o escritor Domingo Villar para pechar esta primeira edición do ciclo

O ciclo Colón Noir rematará o día 9 de xuño (20.00 horas), coa proxección de ‘Plein soleil’ (1960), de René Clément. Domingo Villar será o escritor convidado para o remate das xornadas de cinema.